Tuesday, June 12, 2007

de reality




Os encontros nunca son como unha os imaxina. Iso non quere dicir que sexan malos ou bos. Simplemente, non rematan por se amoldar á escena imaxinada ao longo do traxecto previo ao momento en cuestión.

Érgueste da cama. Contenta. Abres a billa da bañeira. Mollas os pés. Depílaste. Almorzas despois de depilarte. Saes á rúa e mercas a prensa. Buscas nas páxinas os horarios dos autobuses....Hoxe vas ir alí, ao lugar onde o ocorrido aínda é un futurible.

A estación está lonxe. A mochila é pequena pero pesa. Nela quixeches metelo todo. O posible. Traxe de baño / neceser / roupa interior / libros / cargador do móbil... Unha chea de obxetos, mais nada en concreto. Todo a favor de obra. Nunca sabes o que che pode facer falla.

Cando unha pensa en sair á rúa, poucas veces perde o tempo en pensar como ha ser o regreso. Iso pouco importa. Eu diría que nada.

Un accidente no medio da autoestrada pode facer que te demores.
Un conductor con incontinencia pode facer que o autobús realice paradas en cada área de descanso.
Un grupo de porcoespiños, ou pequenos animais con ollos escuros e en perigo de extinción, poden decidir emprender un éxodo neste día que ti desexas sair da túa cidade, cortándoche o paso e picándoche as rodas do carro se te decides a lles pasar por riba.

A unha sempre lle dá tempo a se imaxinar este tipo de episodios nos minutos previos a un encontro desexado.
Comprobar que os rizos están ben definidos no reflexo do cristal do bus, tamén é un clásico.


Ás once da noite, cando no televisor comezan a botar debates sobre personaxes de realities, tápome coa manta do sofá as puntas dos pés. Reparo no suxa que está a alfombra e perdo a vista nas boliñas, mentras percibo coma a canción que elixín coma timbre do meu móbil comeza a soar.

- Hoxe daría calqueira cousa por que estiveras aquí, comigo. Por un momento imaxinei que collerías un bus nun deses impulsos teus, que te plantarías no salón da miña casa, que te acariñaría debaixo da manta que cubre o sofá.

- Está noite no concurso da selva hai nominación e , por certo, segundo lembro nunca mo pediches.

imaxe.- manuel lópez herrera