June 24, 2009

entrevista agarimosa





**Entrevista feita por alumnas: HELENA VILAR REBOLO (4º ESO B) e
MARTA RODRÍGUEZ CASTRO (4º ESO B) do Instituto García Barros da Estrada



1-Sénteste actriz ou poeta?

( Risos) ... Esta pregunta sempre se lle soe facer a aquelas persoas que se adican a dúas facetas artísticas á vez... Por iso eu sempre respondo que ser poeta é algo que vén comigo, mentres que ser actriz é algo no que me tiven que formar e que hoxe en día é a miña profesión e vocación. Síntome a partes iguais.
De seguro que ningún Ministro que escriba se lle preguntaría se se sente máis ministro ou poeta..., non credes?... Ningunha cousa está berrada coa outra.

2-Prefires traballar na televisión ou no teatro? Cal dos dous requere unha maior dedicación?

Traballar na tele está ben porque, aínda que é un traballo moi concentrado no tempo e en enerxía, aprendes moita técnica, coñeces a compañeiros marabillosos e aínda por riba tes unha remuneración económica dabondo que despois che permíte abordar outros proxectos que che interesan a nivel artístico.... Pero o teatro é dende logo para min unha paixón. Nel sentes o proceso e este respira contigo. Cada día vaste coñecendo a ti, vas investigando na personaxe e sentes que o que fas ten "un aquí e un agora". Ademais sempre hai constantes cambios e veste obrigada a non despistarte nin un só segundo. Algo que se agradece cando estás metida nun longo proceso.
Na tele vai todo máis rodado e máis rápido. O actor ten outro tipo de implicación, porque son outros moitos os factores dos que se depende para que o produto chegue a bo porto: o económico ( cada día que se perde de gravar son cartos que non se recuperan ), a dirección, a realización, o son, a posprodución... No teatro a equipa é familia e iso nótase.

3-Que te impulsou a escribir?

Querer ter na miña posesión a estilográfica Monblanc inspirada en Greta Garbo!!!!
( risos )... Non, é broma... ou Non é broma... ( risos).O único que sei é que escribindo atopei unha maneira de comunicarme na que me sentía cómoda... Era coma un xogo. Xogar a intentar transmitir no papel o que se me pasaba pola cabeza e polas sensacións...que é o que pensaba.
Un aprende a falar porque quere chegar aos demais, non?, pois supoño que o mesmo ocorre coa escrita. Síntome cómoda e así sigo.


4-Porque escolliches "O son da xordeira" como título para o teu libro?


Penso que os cinco sentidos ( din que seis ) que ten o ser humano son fundamentais para percibir o que nos rodea. Pero hai algo que vai máis aló do puramente tanxible e que tende ao conceptual. Penso que vivimos nun mundo no que falamos moito pero escoitamos pouco. Co meu primeiro poemario " O son da xordeira", o que quixen foi escoitar a aquelas voces que eran silenciadas. Ás costureiras e ás traballadoras do téxtil que realizan os patróns da roupa que nunca levarán posta. Esa incongruencia foi sen dúbida ningunha o punto de partida para facerme eco dun son que é xordo porque ninguén o escoita.

5-Como membro da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en que proxectos estás a traballar?
Dende a AELG decidimos crear unha vicepresidencia que estivese ao corrente dos novos creadores e creadoras e de conseguir que vexan á asociación como unha plataforma. Traballamos nunha editora virtual e realizamos multitude de encontros, recitais, publicacións...

6-Estás licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola USC, cres que debido ao teu labor como actriz deixaches apartada estoutra faceta?

Como comentaba antes, non creo que unha cousa estea berrada coa outra. Para min todo ten unha implicación. Non escribiría como escribo se non me tivese formado en todo o que me formei...
Historia da Arte é unha carreira que debe ser feita con gusto e como unha aprendizaxe a longo prazo. Constantemente estás aprendendo. O mundo da arte non para de se reproducir, e o historiador debe estar constantemente ao tanto das cousas que se están a creando, onde están os focos de debate.... Para min todo pode ser hibridado porque todo tende a enriquecerse se se fai con senso, gusto e contido. A poesía é arte, ao igual que a música, o teatro ou a banda deseñada. Dalgunha maneira nunca deixei de estar en contacto co mundo da arte porque traballo e vivo dela.


7-Botas de menos vivir na Estrada?

A verdade é que familiarmente sigo moi ligada á Estrada, así que non a boto moito de menos. O que si teño en falta son sensacións que me quedaron gravadas dende cativa e que moi poucas veces recupero... Boto de menos a aldea. Crieime nela tanto no Foxo ( que foi onde estudei ata os dez anos ) como as Quintas de Codeseda ( que é de onde son ). O cheiro dos castiñeiros do colexio do Foxo, a auga do Pazo de Oca e o seo dos tilos, os amenceres e a xiada nas Quintas de Codeseda ou as tardes de verán e herba seca nas leiras de Terreboredo son as cousas que me fan sentir das aldeas da Estrada.



8-O teu blog chámase "Agardando a Godot", por que decidiches ese nome?


Admiro a Samuel Beckett e ao seu " Agardando a Godot". Saber esperar é algo fundamental, pero se nos pasamos a vida agardando a que algo ocorra ( un soño, unha meta que queremos alcanzar ) o máis seguro é que nos esteamos perdendo o que de verdade está acontecendo por diante dos nosos ollos, e que verdadeiramente constrúe o noso camiño vital. Esa foi a grande ensinanza que me ofreceu o texto teatral de Beckett, unha obra na que o silencio está cheo de palabras e que dende aquí recomendo a todo o mundo.


9-Entre todas as autoras galegas, a quen admiras máis?


Hai moi boas autoras galegas. Dende Avelina Valladares á actualidade son moitas as voces que debería nomear e ás que lles debemos moito. De todos os xeitos, teño as miñas preferencias... Admiro ás mulleres que na década dos oitenta comezaron a abrir camiño nun mundo no que se cría que fundamentalmente había poetas e unhas cantas poetisas ( Ana Romaní, Pilar Pallarés foron e son unhas das voces máis interesantes)... Pero tamén é verdade que admiro a moitos homes e colegas que na actualidade escriben dende unha condición transxenérica ( como Eduardo Estévez polo seu minimalismo, Carlos Negro pola súa mirada que sempre complexa semella sinxela, ou a Estevo Creus polo arriscado e non (auto)censurado da súa escrita ).


10- Cres que é máis difícil para unha muller introducirse no mundo literario aínda na actualidade?


Non creo que na Galiza así sexa, ou polo menos dende a miña posición, non sinto que iso ocorra. Nos xuris soe haber mulleres poetas e nas listas de libros que saen á rúa hai nomes femininos. Máis non todo é tan doado. Se ben a muller si participa da literatura, na proxección literaria aínda lle queda camiño por percorrer. Ser muller, nova, independente, non fea e poeta... aínda xera prexuízos por parte dalgúns sectores.

______________________________________________________________________________________________________________


Antía di.- Moitas grazas por esta entrevista. Foi un pracer para min responder ás vosas preguntas. Un saúdo grande de aldea e asfalto.

May 21, 2009

bolboreta




interesante:

http://www.bolboretacurda.blogspot.com

May 15, 2009

des ocultamentos




....porque este domingo 17 chova ou non chova teremos manifa...


imaxe.- osondaxordeira

April 24, 2009

A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística


o meu apoio

March 27, 2009

cando louro era saigón





o pelo cada vez paréceme que medra máis depresa.

hoxe fun ao instituto manuel garcía barros despois de dez anos. compartin palabras cos rapaces e limos algún poema. foi emocionante. que ben o pasei. creo que se me fixaba aínda podía ver algún chicle meu pegado debaixo das mesas.


tamén, porque non, deixo un texto novo: cando louro era saigón

March 3, 2009

marzo




seguirei sentada frente ao mar...



hoxe máis ca nunca!!!!



música.- garcía mc

imaxe.- diane arbus

February 19, 2009

setembro





convídovos a ver a páxina de 5 pezas / setembro: www.setembro.es/gl

un proxecto de sepi bazarra no que moitos confiamos e que agardamos que chegue a bo porto




imaxe.- fotograma de antía otero en 5 pezas